GALEGO    |     ESPAÑOL


INICIO    |     CLASIFICACIÓN POR FORMAS    |     SOBRE O PROXECTO    |     BREVE HISTORIA    |     LIBRO DE VISTAS


Chascarraschás

Permítanme que titule con esta onomatopeia festeira para celebrar algo máis de coñecemento sobre a nosa vieira simbólica. Como ben saben, a cuncha do Apóstolo é un dos nosos símbolos nacionais desde a Idade Media, pola identificación da Galiza como o país de Xacobe. Pero ademais con este artigo podo varrer para a casa, como galego e como deseñador, desbotando misticismos esotéricos. Perdemos en misterio, gañamos na creación cultural.


Afrodita na súa cuncha / Vieiras no escudo do guerreiro galaico de Viana

O caso é que o profesor Manuel Díaz y Díaz (Mugardos, 1924-Santiago, 2008) deita nova luz neste asunto da orixe da cuncha xacobea, nun artigo recollido no seu libro póstumo Escritos jacobeos, publicado pola Universidade de Santiago en 2010. Segundo o profesor Díaz y Díaz, a vieira xacobea aparece en Santiago a partir de 1099 como signo da peregrinación a Compostela. O porqué desta innovación é a competencia que xera Xerusalén, despois da conquista da cidade polos cruzados en 1099, abrindo de novo a peregrinación a Terra Santa. Alá terían achado os peregrinos un exvoto barato, a palma, elemento vexetal exótico para os europeos. No Códice Calixtino, nun sermón redactado cara 1135-1139 ─os últimos anos do pontificado de Xelmírez─ asegúrase que: «Polo mesmo que os peregrinos que veñen de Xerusalén traen palmas, así os que regresan de Santiago traen cunchas». Pois velaí que Díaz y Díaz atribúe ao podereso Xelmírez a creación da vieira como exvoto, nunha novidosa operación de marketing avant la lettre, realizada cun deseño audaz, apañado nas ribeiras oceánicas, signo da viaxe ao extremo confín do mundo. A vieira xacobea máis antiga que se conserva foi achada na tumba dun peregrino enterrado no subsolo da Catedral, antes de 1120. Tamén no século XII o emblema fai a súa aparición na arte por primeira vez, como sinala o profesor Serafín Moralejo no Cristo peregrino de Silos ou no Santiago de Santa Marta de Tera.


Vieiras nas portas das igrexas de Santiago de Traba e de Ribadavia

Símbolo do Cabido catedralicio de Santiago e exvoto dun peregrino inglés

Pero outras vieiras andábanme tamén na cabeza. Porqué a estatua do guerreiro galaico de Viana do Castelo ─século I ou II─ presenta cunchas de vieira no escudo que leva ao peito. Pois non hai aí tampouco ningún misterio, as vieiras non veñen da Cultura Castrexa, son un anacronismo: velaí as armas heráldicas de Afonso da Rocha, abade da parroquia de Meixedo, onde no século XV apareceu o guerreiro, hoxe no Museo Municipal de Viana do Castelo.


Sinalización popular e institucional no Camiño de Santiago

Marca de moeda coruñesa (s. XVI) e sinal de galeguidade nun supermercado

Lembro, por Botticelli, a vinculación da vieira con Venus, que ven sendo a Afrodita grega. Xa desde o século IV a. C., Afrodita é representada ─nunha urna funeraria achada na cidade grega de Olinto─ cunha vieira, por nacer no mar e ser levada a terra nunha cuncha. Non parece que exista ningún nexo de unión entre o emblema xacobeo e o atributo de Afrodita. Ou quizais si? Nunha recente viaxe a Atenas quedei pampo: no Museo da Ágora Antiga vexo unha lampadiña de bronce cunha grande cruz asociada a unha vieira, a cartela indica que é do século V d. C. Velaí xa a vieira dentro do repertorio iconográfico cristián.

Pepe Barro
Publicado en xaneiro 2020 no Sermos de Nós diario